27/10/10

¿Halloween ou Samaín?



 

TEMPOS DE SANTOS


X. L. Méndez Ferrín


A festa chamada de Halloween, ritualizada con disfraces con motivos de meigas, carantoñas, fantasmas e todas esas cousas non era coñecida en absoluto polo mozos e mozas que admirabamos por volta de 1965 a película conmovedora de Robert Mulligan cuxo título en castelán correu como Matar un ruiseñor. En inglés tratábase dun paxaro americano, e o traductor fixo moi ben en convertelo nun que todos identificamos con normalidade. Ora ben, un punto central da intriga do filme tiña como escenario a noite de Halloween da cal ninguén sabía cousa nesta que por hixiene dicía Castelao Hespaña, e nós Estado Español. Polo cal o traductor fainos sabedores de que a filla do inesquencíbel Atticus Flynch estivo nunha "festa da vésperes de Todos os Santos" disfrazada de xamón. Non entidiamos un aspecto do escenario, pero esta incomprensión parcial do contexto o director e a interpretación perfecta de Gregory Peck compensábana con talento. Podiamos vivir sen Halloween, en 1965.Se ninguén sabía por aquí nada sobre Halloween, non debe extrañarnos. O que si que resulta chocante é que na Escocia, nai con Irlanda, polo menos aparentemente, do Halloween, ninguén estivera enterado en 1787 da existencia destas festas nas que as bruxas e os transnos andan tolos pola noite. Isto próbase polo feito de que Robert Burns, poeta nacional escocés, no ano citado do século XVIII vese na obriga de explicar as supersticións de Halloween aos seus contemporáneos; e moito polo miudo.O que nos di claramente que a festividade das bruxas e dos espíritos é unha reivención recente tamén en Escocia e Irlanda. A Festa foi lanzada unha vez adoptada como "tópico situacional" polo cine e a televisión norteamericana, que impuxeron Halloweein ao mundo en catro patadas e o mundo obedeceu, como é regra, ao Imperio. En rigor, até onte mesmo, no universo anglosaxón Hallowe´en ou Halloween ou Allhallows era só formas, e non as máis usuais, de designar a festividades relixiosa de Todos os Santos.A noite de Halloween, do 31 de Outubro ao 1 de Santos, recibe en irlandés moderno, incluido o gaélico de Escocia, o nome de Samain. Aplícase (como en galego Santos) á festa de Todos os Santos e ao mes de Novembro. Do irlandés antigo Samana, a palabra, de raíz indoeuropea moi rendedoira significa orixinalmente algo así como "reunión, asemblea". Non sabemos se a reunión de Todos os Santos que van en plan Santa Compaña facendo machin-in animados pola voz augardenosa de Louis Amstrong ou ben da reunión da parroquia dos vivos coa dos nosos defuntiños. O caso é que existe hoxe en Galicia unha corrente ideolóxica celtista que pretende que o Samain ou Samhainn ou Oidche Shamhna, lonxe de ser algo exótico e irlandés ou escocés, constitúe unha celebración auténticamente galega por celta e da cal xa se teñen, tendo Ortigueira como punto de irradiación, escrito e difundido unidades didácticas nas escolas. Vexa como, no tempo dun alustre, un costume imposto polo imperialismo norteamericano (Halloween) se transforma nunha falsa tradición céltica galega. Ou sexa: dunha imposición a unha impostura.

No hay comentarios: